versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: Luns, 20 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

A piscina cuberta de Brión construirase de inmediato en Lamiño por 1,4 millóns

[03/11/2009]

Estará situada ao lado do polideportivo e o colexio de Pedrouzos, nunha parcela de 5.500 metros cadrados. A piscina cuberta climatizada de Brión xa está máis preto. E é que o Concello licitará estas obras de inmediato para que «comexen canto antes». Así o recoñeceu onte o alcalde brionés, Xosé Luis García, tras a sinatura dun convenio coa Deputación Provincial, que achegará un millón de euros, mentres que o resto dos 386.000 necesarios para acometer o proxecto serán achegados con cargo ás arcas municipais.

O presidente da Deputación Provincial, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde brionés, Xosé Luis García, formaron onte o convenio para a construción da nova piscina municipal cuberta climatizada, que se levantará en Lamiño, ao lado do polideportivo municipal e do colexio de infantil e primaria (CEIP) de Pedrouzos sobre unha parcela de 5.490 metros cadrados que xa dispón de toda a infraestrutura urbanística precisa: abastecemento de auga, acceso á rede de saneamento, teléfono, electricidade e vía directa á estrada cunha fronte do soar de 58 metros.

O edificio da piscina ocupará 2.363 metros cadrados e contará cunha piscina climatizada de 578 metros cadrados, un graderío de 42 e unha área de spa tamén de 42 metros. Pero, ademais, contará cun ximnasio de 142 metros, vestiarios de 112 metros para homes e mulleres, así como outras dependencias comúns, entre elas dúas almacenes, zona de recepción, aseos, área para o socorrista e locais no soto para situar todos os sistemas para o correcto funcionamento, como a depuradora da piscina e cuartos de electricidade e fontanaría, entre outros.

O proxecto foi elaborado pola empresa Carbajo e Barrios e presta especial atención aos acabados interiores e á instalación. Así, na zona de piscina, spa e vestiarios colocarase un pavimento de gres porcelánico cun tratamento especial antideslizante, co fin de garantir a seguridade dos usuarios.

No ximnasio e na entrada, ademais, instalarase un pavimento de linóleo, mentres que as paredes e os revestimentos interiores se rematarán con pintura plástica lisa, a excepción das zonas húmidas -piscina, spa e vestiarios- que contarán con plaqueta de gres porcelánico.

Tamén destacará a aparencia exterior pois a piscina de Brión estará dotada dunha cuberta de chapa de cinc sobre chan de madeira de piñeiro. O peche do edificio co exterior será de dobre folla co fin de conseguir un maior illamento térmico, cunha carpintaría exterior en aluminio lacado en cor gris escura. Así mesmo, o acristalamento será dobre con espesores importantes nos vidros fixos.

A piscina municipal cuberta climatizada de Brión está presupostado en case 1,4 millóns de euros, dos que a Deputación Provincial coruñesa achegará un millón. A licitación da obra será «inmediata».
 



Enlace a La Voz de Galicia

 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion