versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: , 22 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

Un alumno do Rosalía asombra co seu estudio sobre as noces deterxente

[06/10/2009]

Este mozo de 18 anos acaba de gañar o primeiro premio da área de Tecnoloxía no prestixioso Certame Novos Investigadores, celebrado en Málaga. Este froito cultívase na India e Nepal e é tan eficaz para lavar roupa como barato e ecolóxico.

A canteira do Instituto Rosalía de Castro segue dando o seu froito. Esta vez é o alumno Miguel Mas Montañés, de 18 anos, o que gañou o Primeiro Premio da Área de Tecnoloxía no prestixioso Certame de Novos Investigadores, que acaba de celebrarse en Málaga. Para que vexan a importancia deste galardón, este novo estudante, que rematou o Bacharelato Internacional cunha media de nove, tivo que competir nunha primeira rolda con máis de 200 traballos de alumnos de toda España de 16 a 21 anos, e con corenta finalistas.

O título da súa presentación é Unha alternativa aos deterxentes tradicionais: a noz de Sapindus mukorossi. ¿E que é isto? Carmen Touza, coordinadora de Química do Instituto Rosalía de Castro, e gañadora tamén deste primeiro premio como profesora, explica que o Bacharelato Internacional lles obriga aos alumnos a facer traballos de investigación, "e Miguel presentoume este".

Carmen non coñecía de qué noces falaba o seu alumno, nin o redactor que facía esta entrevista oíra falar delas, pero Miguel explícao: "Teño unha tía que vive en Italia, e foi ela a que me falou destas noces. Chámaselles así ás cascas dun froito que se cultiva en Nepal e na India, e que se vende nas tendas de Comercio Xusto do país transalpino como deterxente", di Manuel.

"A Miña tía regaloumas, busquei por Internet e vi que non había ningún estudio sobre elas, así que decidín que podía ser unha boa idea comprobar se o que se dicía sobre elas era certo".

E aquí entrou o papel da coordinadora orientando o seu alumno no método de traballo, polo que o primeiro paso foi observar como actúan estas noces e comparar a súa eficacia no lavado con outros deterxentes.

"En primeiro lugar dediquei parte do tempo a elaborar un estudio teórico de xabóns e deterxentes". Posteriormente, "a profesora que me coordina o traballo e eu sentamos a discutir de qué xeito, cos medios dispoñibles nun laboratorio de instituto, podiamos realizar diferentes probas".

E, malia os seus poucos recursos, lograron facer cousas como medir a tensión superficial, realizar probas de hemólise en placas de ágar-sangue para a detección de saponinas, probas de fosfatos ou, falando xa nunha linguaxe máis chaira, contrastar o funcionamento destas noces en augas ácidas, duras ou máis brandas...

Ao final, os resultados foron satisfactorios. Abonda con coller catro ou cinco cascas destas noces e poñelas coa roupa sucia no tambor da lavadora para que a súa coada quede perfecta. Ademais, tamén ten vantaxes ecolóxicas en comparación cos deterxentes tradicionais. "A auga que sae desa lavadora é moito menos contaminante", asegura Miguel Mas... E, aínda que non o crean, este rapaz, que acaba de empezar Medicina en Santiago, é un tío normal: "Para min o importante é organizarse. Estudo, pero tamén me divirto polas noites", asegura.

Abondan 13 céntimos para a coada

En Italia, estas cascas de noces véndense nas tendas de Comercio Xusto. Ofrécense en bolsas dun quilo e, no propio texto impreso, no envoltorio, infórmase que esta é unha cantidade suficiente para realizar cen lavados. Costa 13 euros, co que cada coada da lavadora supón investir 13 céntimos.

Teñen menos contaminantes

Segundo a investigación de Miguel, este "é un produto menos contaminante que os deterxentes". E a Miguel gustaríalle que este dato servise para que rexións tan deprimidas como das que é orixinaria a árbore, tivesen nestas noces unha oportunidade de desenvolvemento comercial.

En España conséguense na rede

No noso país aínda non se vende este produto, afirma Miguel Mas. Segundo o que el puido comprobar, si se poden conseguir, non obstante, a través de Internet. Pero se se venden nas tendas de Italia é doado imaxinar que pronto chegarán a España.

Utilízase dende tempos remotos

Miguel Mas comenta que estas noces proceden dunha árbore que crece en Nepal e India, e os habitantes destes países "as utilizan para o lavado dende tempos remotos". E "é agora cando se empeza a expandir no resto do mundo como unha alternativa ecolóxica".
 



Enlace a El Correo Gallego

 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion