versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: Domingo, 19 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

O Concello de Brión inverte 50.000 euros nas obras de reforma, que inclúen unha senda peonil

[27/12/2008]

A urbanización brionesa de Monte Beado está de parabén. O río que a bordea, o Pego -encravado entre a estrada Santiago-Noia e a autovía-, vai ser obxecto dunha importante mellora. O Concello anuncia que inverterá de inmediato 50.000 euros.

A limpeza integral do río, a creación dun paseo de senderismo de 2,5 quilómetros e a dotación dun valado perimetral ao parque infantil constitúen as principais accións de mellora.

Os traballos inclúen a limpeza das marxes do río, así como da propia canle da que se retirará toda a maleza así como algunhas árbores caídas. Todo iso afectará a unha área de 6.500 metros cadrados e pouco máis de medio quilómetro de tramo do río.

De acordo co proxecto municipal, os traballadores do Concello traballan xa estes días na habilitación dun paseo peonil ou de senderismo de aproximadamente 2,5 quilómetros que bordea o río Pego. Un camiño ao que se dotará dunha capa de zahorra prevista para os próximos días.

Mellor seguridade vial

Ademais, habilitarase un segundo camiño que comunicará coa urbanización Río Pego. «Trátase dun camiño cunha pendente moi forte, polo que imos rebaixala un pouco poñéndolle chanzos que ou fagan máis accesible a todos os veciños que ou empregan», explica o alcalde brionés, o socialista Xosé Luis García.

Complementariamente, o Concello vai acometer tamén un par de actuacións máis para incrementar a seguridade vial na zona. Así, aquelas partes do muro de contención do río Pego que estaban danadas están sendo reparadas e, ademais, vaise instalar un valado de protección que circunde o parque infantil situado nesta zona de ocio.

O acondicionamento do paseo do río Pego completarase coa dotación de diverso mobiliario urbano, entre o que se contemplan oito bancos, catro papeleiras e iluminación pública nas tres áreas do paseo. Así mesmo, o proxecto de acondicionamento da zona contempla a plantación de árbores autóctonas en todo o ámbito desta zona de ocio.

Pero a intención do Concello é ir mellorando, gradualmente, todos os enclaves de interese histórico ou paisaxístico, entre eles o ámbito do Castro Lupario, situado nas proximidades da aldea de Bolsa (Bastavales), que ten nas súas inmediacións a ponte romana do Río Tinto, ou a rehabilitación das Torres de Altamira, das que agora só quedan uns restos da que fóra unha das máis valorosas fortalezas medievais.

A carballeira de Santa Minia constitúe outro dos lugares básicos de interese turístico pois para moitos foráneos falar de Brión é falar precisamente deste ámbito, que conserva a capela da santa e unha fonte que mana auga pola boca de catro cabezas de león. Ademais, o concello brionés conserva numerosas igrexas e cruceiros, entre os que destaca a igrexa rosaliana de Bastavales co seu miradoiro sobre todo o Val de Amaía.

Ademais de varios pazos interesantes -entre os que destacan os de Trasouteiro, o de Salaño Pequeno ou o de Armental-, o municipio brionés acaba de recuperar o balneario de O Tremo, que reabriu as súas portas no 2004 con urbanización, hotel e instalacións balnearias aproveitando as augas sulfurosas do lugar, presentes tamén en Augas Ferras, tamén na parroquia de Os Ánxeles.

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion