Máis de 600 maiores disfrutaron da Festa dos Vellos de Brión
[08/09/2008]
A xornada organizada polo Concello celebrouse na Carballeira de Santa Minia.
O espléndido día que luciu onte contribuíu a que a festa dos vellos organizada polo Concello de Brión fóra un éxito. A participación na xornada festiva superou as 600 persoas, todas maiores de 65 anos, destinatarios do convite cursado polo alcalde brionés, José Luis García, que facía extensible aos cónxuxes. A cita, como en anteriores edicións, foi na carballeira de Santa Minia, na que se instalou unha carpa que onte axudou a protexer do sol.
O Concello de Brión organizou unha comida na que se serviu empanada, polbo á feira e carne ao caldeiro baixo a carpa, ben regada con viño e refrescos e con rosca, queixo e marmeleiro de sobremesa. A xornada deu comezo ás 11.30 cun pequeno acto de recibimento aos participantes, aos que entregaron sombreiros e flores para as damas. O Concello dispuxo un servizo de autobús que pasou polas paradas do transporte escolar ás once da mañá para recoller cantos se quixeron sumar á festa. O mesmo autobús os levou de volta ás oito da tarde, despois de gozar a tope coa sesión de baile que deu comezo a media tarde, animada por un trío musical.
Pero o programa ofreceu máis cousas. Tras o recibimento por parte do alcalde e outros membros da corporación brionesa aos sons dunha charanga, serviuse un aperitivo que deu paso á celebración dunha misa de campaña oficiada polo párroco de Os Ánxeles ás 13.30. Ao rematar o acto relixioso actuou a charanga Os Celtas, que ofreceron unha animada sesión de pezas antes de dar comezo a comida de confraternidade veciñal en torno ás 14.00 horas.
Pola tarde, á hora do café, deron comezo algúns xogos tradicionais, ademais dos típicos de mesa, dende o tute e a brisca ata o dominó e un bingo. Pero tamén houbo unha entretida actuación de maxia a cargo do mago Romarís, que pasmou a audiencia cos seus números.
Para que o día fose completo, e como recordo do encontro anual, o Concello aínda dispuxo unha caseta montada como tenda de pequenos regalos, «pensando sobre todo en que lles gosta levarlles algo aos netos», indicou o alcalde, que se declarou moi contento polo desenvolvemento da festa e a alta participación que rexistrou.
No censo de Brión hai contabilizados ao redor de 3.000 persoas maiores de 65 anos, polo que reunir máis de 600 «é un éxito», a xuízo de José Luís García.
Enlace a La Voz de Galicia