versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: , 22 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

Transportes dá un ultimato sobre o pagamento do bus comarcal

[18/06/2008]

A Xunta esixe aos concellos que aboen antes do día 30 as cantidades que deben ·· No caso contrario, deducirá os importes das cantidades fixas do Fondo de Cooperación Local. Os alcaldes, indignados, á espera.

Despois de que os alcaldes do Plan de Transportes metropolitano fixesen fronte común cun non pagamento superior aos 440.000 euros para reclamar un axeitado servizo de autobús comarcal, a Dirección Xeral de Transportes contraataca. Os oito concellos enmarcados nesta iniciativa recibiron senllas comunicacións deste departamento autonómico no que se lles empraza ao pagamento das cantidades debidas dende o ano 2006, un pagamento que deberá facerse efectivo antes do trinta de xuño do presente mes.

Segundo o comunicado da Dirección Xeral de Transportes, as achegas dos concellos, consideradas no convenio subscrito entre todas as partes ao inicio do plan, "son imprescindibles para poder compensar aos operadores de transporte pola minoración tarifaria establecida no convenio" e da que son beneficiarios os residentes en cada concello.

Así as cousas, a Consellería de Política Territorial propón tamén como alternativa "compensar e reter os importes das cantidades que lles corresponden aos concellos daquelas sumas como participación no fondo de Cooperación Local".

A chegada deste requirimento de pagamento por parte da Dirección Xeral de Transportes, non parece coller por sorpresa os alcaldes. Todos, sen excepción, saben que deben determinadas cantidades "e estamos dispostos a pagalo. O diñeiro está aí, peró só cando se solucionen as deficiencias", dicía o alcalde de Brión, Xosé Luis García.

Sen compromiso de avance

O tamén socialista, Manuel Mirás, tamén confirmou a chegada da notificación, que lles esixe o pagamento "sen comprometerse ningún avance". Tamén engadiu que a pesar de que o concello conta coa partida presupostaria necesaria, o abono non se fará efectivo ata que se produza algunha mellora no servizo.

Aínda que os alcaldes afectados non se quixeron posicionar polo momento ás claras, a indignación é evidente, máis alá de cores políticas. De feito, Ames, Brión, Oroso e Val do Dubra non aboaron nin un euro nos anos 2006 e 2007 e o resto dos concellos tamén suspenderon os seus pagamentos durante o ano pasado "fartos" das deficiencias e os sucesivos incumprimentos e atrasos na posta en marcha do servizo do transporte metropolitano.

Ames e Val do Dubra
O concello amiense alcanza unha débeda de 172.233,66 euros, cun número de viaxeiros estimado en 1.396.755. Val do Dubra é o que menos viaxeiros despraza, con algo máis de 7.000. A súa débeda é de 930 €.

2 de outubro de 2006

Seis anos despois dos primeiros pasos preséntase oficialmente o plan metropolitano de transporte. Disto hai vinte meses.

AS DEFICIENCIAS

Ausencia de imaxe corporativa no bus
Acontece en diversos concellos. É o caso de Ames, Brión ou Val do Dubra, por exemplo, onde os vehículos non están correctamente identificados. No caso do Concello de Brión, son frecuentes as denuncias sobre as deficiencias nos vehículos.

Falta de unificación tarifaria e mobiliario
Nos últimos meses rexistráronse sangrantes anomalías con autobuses que cobran distinto prezo nun mesmo traxecto, por exemplo en Ames, Teo e Brión. O mobiliario urbano non rematou de instalarse, é o caso de Boqueixón ou Vedra, por exemplo.

Horarios irregulares en todas as rutas
Quizais a falta de horarios e as irregularidades nos horarios sexa o problema máis incitante nos oito concellos. Esta deficiencia agrávase as fins de semana, momento no que os servizos poden chegar a espazarse ata unha hora.

Máis de oito anos de negociacións
En marzo de 2000, a Mancomunidade de Compostela comezaba a falar da posibilidade de transporte metropolitano. Era o principio das negociacións para a posta en marcha dun bus comarcal moderno que aínda está pendente. 



Enlace a El Correo Gallego

 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion