versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: , 22 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

Os alcaldes rebélanse polas deficiencias no bus comarcal

[03/06/2008]

Ames, Boqueixón, Brión, Dubra, Oroso, Teo e Vedra non satisfarán unha débeda de case medio millón de euros mentres a Xunta non corrixa as graves deficiencias.
"É unha desorde, un desgoberno absoluto. Nós nunca nos negamos a pagar, pero Transportes ten que asumir unhas responsabilidades que non está a asumir". O alcalde de Ames, Carlos Fernández, resumía deste xeito o malestar dos rexedores dos concellos pertencentes ao Plan de Transporte Metropolitano.
Así o revelan os datos do estado actual de contas dos sete concellos (excepción feita de Santiago) que integran o plan metropolitano. O total dos non pagamentos ascende a 442.002 euros, unha suma estruturada obviamente en función do número de viaxeiros que utilizan o servizo.
Irregularidades nos horarios, falta de unificación tarifaria e, fundamentalmente, unha ausencia case total de información ao usuario son o obxecto das principais críticas. Os alcaldes están molestos porque coinciden en que o transporte non funciona como debería. É por iso que todos entenden este non pagamento como unha "vía de presión" para obter un servizo de calidade.
Uns foron máis tallantes que outros pero, en esencia, opinan que as sucesivas administracións autonómicas non foron capaces "de ter a forza suficiente para poñer orde neste problema", tal e como asegura Carlos Fernández, o máis afectado, tendo en conta que o concello de Ames mobiliza a máis de 1.300.000 pasaxeiros ao ano. De feito, Ames, Brión, Oroso e Val do Dubra non aboaron nin un euro nos anos 2006 e 2007 e o resto dos concellos tamén suspenderon os seus pagamentos no ano pasado, "fartos" das deficiencias e os sucesivos atrasos do servizo de autobús.
Aínda así, coinciden en que non é unha débeda "só é un non pagamento. Cando haxa transporte, o diñeiro está aí para pagar", afirma José Luis García García, alcalde de Brión, que ademais matiza que Brión entende que "non está suficientemente aclarada a cota".

Mobiliario urbano
Por outra banda, tamén se incide en compromisos como a instalación do mobiliario urbano. Esta tamén é unha queixa practicamente unánime entre os rexedores, e tenentes de alcalde, dos sete concellos. De feito, os tenentes de alcalde tanto de Vedra coma de Boqueixón, Eloy Iglesias e Ovidio Rodeiro, respectivamente, se ben se estende ao resto dos municipios incluídos no plan de transporte comarcal.
Ademais, as deficiencias nótanse, sobre todo, nos concellos máis rurais. "Temos as mesmas frecuencias que hai cincuenta anos. Ademais, fomos o último concello en instalar as canceladoras nos autobuses e foi case un ano despois de poñerse en marcha o servizo", explica o tenente de alcalde de Vedra, Eloy Iglesias, quen tamén apunta estanse a formular a posibilidade de adquirir "un microbús" para trasladar os veciños do seu municipio. E é que "a Consellería ten que prestar os servizos" que se acordaran dende un principio. De aí que os sete concellos suspenderan os pagamentos das anualidades.
E a indignación dos alcaldes, moitas veces contida, sae á luz hoxe, exactamente dez meses despois de que os alcaldes dos sete concellos do perímetro de Santiago integrados no plan de transporte metropolitano protagonizasen un plantón na Dirección Xeral de Transportes en protesta polas carencias do bus comarcal.

OS NON PAGAMENTOS, A MAIO DE 2008
AMES. A suma alcanza os 172.283,66 euros. O número de viaxeiros estimado, 1.396.755.
TEO. O non pagamento é de 27.092 euros. Número considerado de viaxeiros, 588.000.
BRIÓN. 20.370 euros de débeda. Usuarios estimado, 80.000.
OROSO. 11.492,25 euros de débeda. Número de usuarios estimado, 95.219.
BOQUEIXÓN. 4.476 de débeda. 40.535 usuarios.
VEDRA. 43.193 de débeda. Viaxeiros estimados. 75.000.
VAL DO DUBRA. Débeda de 930 euros. Número de viaxeiros, algo máis de 7.000.

AS FRASES
Carlos Fernández. Alcalde de Ames
"Se os meus veciños se decatan que paguei por un servizo mediocre crerán que son un vendido"

Ovidio Rodeiro. Vicealcalde de Boqueixón
"O número de frecuencias non aumentou, faltan marquesiñas e a sinalización é inadecuada"

José Luis García. Alcalde de Brión
"A autovía permitiu mellorar os horarios pero algúns autobuses teñen condicións lamentables"

Manuel Mirás. Alcalde de Oroso
"É un reino de Taifas e a xente non está identificada. Sería preciso un consorcio comarcal de transportes"
Martiño Noriega. Alcalde de Teo "Transportes puxo sempre o carro antes que os bois. O servizo é claramente deficiente" Juan Manuel Baleato. Alcalde de Val do Dubra "Estamos como ao principio. Son moi escéptico porque as expectativas non se cumpriron" Eloy Iglesias. Tenente de alcalde de Vedra "Temos o mesmo servizo de bus que hai 50 anos. Terían que aumentar frecuencias".
 



Enlace a Tierras de Santiago

 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion