versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: Domingo, 19 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

O tramo de Martelo estará unido á autovía dende o 5 de outubro

[26/09/2010]

O martes empezan as obras. Para ir cara a Noia haberá que coller a estrada vella dende Brión, onde se poderán incorporar os que circulen cara a Santiago. Esta mesma semana, o conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciaba nunha cea organizada polo PP de Ames que o corredor a Martelo sería inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia na primeira semana de outubro. E todo indica que así será.

A Xunta anuncia que pasadomañá, martes 28, comezarán as obras de conexión da autovía que chega a Brión co corredor que conducirá a Martelo e que nun futuro moi próximo, entre finais de ano e principios de 2011, chegará a Noia. Os traballos que se van executar en Gundín estarán rematados o próximo martes día 5, segundo as previsións que manexan dende a Xunta.

Pero estas tarefas obrigan a realizar un corte de tráfico. Dende a Consellería anunciábase nun principio que o devandito corte debía comezar mañá mesmo, ás 08.00 horas, aínda que a coincidencia coa festividade de Santa Minia, que achegará a 40.000 fieis a Brión, fixo que se aprazase ata o próximo martes.

O alcalde de Brión, o socialista José Luis García, recoñecía onte a este periódico que recibira a comunicación destas obras o venres pola noite e que, ao darse conta da coincidencia de data do corte de tráfico coa festa de Santa Minia, encargou ao arquitecto municipal que fixese chegar un escrito á Consellería advertíndolle dos atoamentos que se poderían ocasionar.

José Luis García recoñecía que o mencionado escrito se remitiu na madrugada do venres, polo que tardou en ter resposta. Pero, a media tarde de onte, recibiu a chamada da directora xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez, confirmándolle que o inicio do corte de tráfico se aprazaba para o martes.

O devandito corte terá lugar dende as 08.00 horas do martes ás 12.00 horas do venres. Todos os vehículos que se dirixan cara a Noia deben abandonar a autovía no enlace de Brión e todos os que circulen cara a Santiago de Compostela non poderán entrar na devandita autovía, polo que deben utilizar a estrada vella, precisamente ata Brión, onde xa poderán incorporarse á autovía.

Esta situación estará sinalizada, mentres dure o corte de tráfico, nos paneis de mensaxería variable da autovía, para que os condutores saiban en cada momento por onde poden circular.

Noia xa está máis preto

Cada vez Noia está máis preto da capital galega. E non é cuestión de espazo, senón de tempo de viaxe. Coa apertura do corredor ata Martelo xa só queda o último tramo. As obras están moi avanzadas e o propio conselleiro recoñeceu na cea coloquio organizada esta mesma semana polo PP de Ames que a finais de ano ou, como moi tarde, no primeiro trimestre de 2011, o corredor de Brión a Noia estará aberto na súa totalidade. Outra cousa é o desdobramento en autovía, porque o descenso do presuposto da Consellería nun vinte por cento o obrigará a estudar todas as obras previstas xa que, ao non existir a posibilidade de afrontar o pagamento de todas elas, o departamento autonómico se verá obrigado a rexeitar algunhas.
 



 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion