O límite de velocidade da autovía Santiago-Brión aumentarase a 120
[07/03/2010]
A Xunta afirma que a medida se aplicará a curto prazo para unificar todas as vías da súa competencia. A autovía de Santiago a Brión, que nos próximos anos chegará ata Noia, terá a curto prazo unha velocidade máxima de 120 quilómetros por hora. Na actualidade, os condutores só poden pisar legalmente o acelerador ata os cen quilómetros, unha velocidade que a moitos lles resulta insuficiente dada a entidade do corredor e a posibilidade de sacarlle maior rendemento.
O cambio de velocidade require uns estudios previos para analizar os distintos parámetros técnicos que interveñen na velocidade, e especialmente as entradas, saídas, distancia e conexións intermedias. Niso están os especialistas do departamento de Medio. O criterio dos responsables autonómicos é unificar as velocidades de todas as autovías que dependen da Administración galega, e fontes do devandito departamento sinalan que a curto prazo iso se vai poder establecer. Pero hai que agardar ao informe técnico.
A elevación do límite de 100 quilómetros produciuse xa en nas restantes autovías de Galicia. Nas do Salnés, Barbanza, Ferrol-Vilalba e Dozón-Ourense os condutores poden circular a 120 quilómetros por hora. A única que quedou como unha especie de «patito feo» é a autovía de Santiago cara a Noia.
Decenas de miles de condutores que utilizan a diario o corredor móstranse expectantes en torno á decisión autonómica, coa tentación de que o contaquilómetros reflicta a mesma velocidade que nas demais autovías, pero coa sombra das sancións detrás.
Enlace a La Voz de Galicia