versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: Domingo, 19 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

O esqueleto do futuro corredor xa se evidencia de Brión a Noia

[13/02/2010]

Hai tramos en terra, anacos que teñen unha capa de asfalto e moita actividade ao longo dos 18,2 quilómetros da vía. Cando un viaxa dende Santiago a Noia, ao chegar a Brión leva o gran batacazo. De conducir comodamente por unha autovía, de non sufrir para adiantar ou para ir a cen por hora pasa a serpear a obsoleta estrada autonómica AC-543; un vial enchido de curvas e salpicado de tan numerosas como transitadas travesías. Non obstante, se quen conduce mira á dereita, terá motivos de esperanza. Porque o corredor que no futuro enlazará as terras noiesas con Brión xa se evidencia nesa marxe. Nalgúns sitios aínda está en terra, noutros xa a vai o asfalto... pero a traza xa está clara ao longo dos 18,2 quilómetros que terá.

Se un se sitúa a pé de obra na zona de Brión, levarase a impresión de que a estrada comarcal pronto pasará á historia. E é que, neste tramo, o novo corredor xa ten unha capa de asfalto. Non obstante, o panorama empeora conforme un se vai afastando das terras brionesas. Así, o asfalto desaparece e na zona de Rois soamente a vai xa o esqueleto en terra da que será a futura estrada. Ademais, un tópase con viadutos como o de Naveiras, que aínda está nunha fase moi incipiente. Estes días, nesta zona, tanto na de Brión coma na de Rois, víase, sobre todo, a camións circulando polo que será o futuro corredor. Algúns, as típicas bañeiras de obra, ían cargados ata os topes de terra.

En dúas fases

Ao chegar a Martelo -aínda no municipio de Rois-, a cousa cambia aínda máis. E ten a súa razón de ser. O corredor execútase en dúas fases, a que vai de Brión a Martelo, e a que chega a Noia. A primeira empezouse primeiro e, polo tanto, é lóxico que estea moito máis avanzada -de feito, se se cumprise o prazo de execución tería que estar a punto de caramelo-. Desta forma, en terras lousamianas aínda quedan viadutos por facer, pasos subterráneos que adecuar... E o único que se asemella a unha vía é a explanada que se observa con claridade ao longo de varios quilómetros.

Á altura de San Xusto, en Lousame, a actividade era frenética estes últimos días. Numerosos obreiros traballaban subidos a unha plataforma poñendo o que aparentaba ser un piar dunha ponte. Outros operaban cunha grúa e algúns máis botaban formigón. Nun tramo pequeno da estrada contábanse máis de vinte profesionais. Polo acento, quedaba claro que boa parte deles son portugueses. «Pregunta aos do casco branco, eles saben como vai a obra», dicía algún dos operarios sinalando os seus xefes.

Xa na zona de Noia, en sitios como San Paio, a actividade tamén era enorme. Estanse a facer pasos subterráneos, estanse explanando terreos e o estado actual das obras deixa imaxes curiosas. Por exemplo, hai un viaduto sobre o que pasará o corredor que agora mesmo aparece case no medio da nada, polo que é difícil imaxinar como vai ir a estrada por enriba del. Sen dúbida, a incógnita terá que ir despexándose nos próximos meses, xa que a Xunta dixo que o corredor estará operativo no primeiro trimestre do 2011.

Accesos cortados

Se o positivo de viaxar facendo unha radiografía do trazado é descubrir que o esqueleto da calzada está listo case en toda a súa lonxitude, o máis cru é imaxinarse o calvario que deben padecer os veciños. E é que, ao longo das obras, hai carteis que informan de que esta ou aquela pista están cortadas. Non chegan os dedos da man para contar os accesos impracticables. A situación resumíaa unha muller de Roio: «Estámosche acurralados, menos mal que isto é para que veña algo bo».
 



Enlace a La Voz de Galicia

 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion