versión accesible aviso legal axuda
briondixitalaxua á navegacion
banner
menus
Data: Luns, 20 de Novembro do 2017
     

novas

 

FOTO

Bicicletas sen rodiñas

[27/12/2009]

Quero rematar o ano cun alento optimista. Razóns hai abondo, alén do que lemos decote nos xornais (xa coñecedes o axioma: as boas noticias non son noticia); alén da consideración que nos últimos tempos ten a nosa clase política, instalada nos primeiros niveis de preocupación para a sociedade española segundo os barómetros de opinión pública; alén da crispación e os negros agoiros da economía; alén da perda de valores dun sistema que veu fundamentando a idea de éxito sobre a especulación e a trapallada; alén da escalada de consumismo fácil que todo o converte en mercadoría; alén da nosa propia inconsistencia? Alén de todo isto, hai razóns para seguir sendo optimista.

Repróchanme os amigos que seguen estas mareas (e ben que lles agradezo que as sigan) que nos últimos tempos, eu, tan dado de sempre a ver a botella medio chea e con posibilidades de seguila enchendo, estou a deixarme levar polo pesimismo. O pesimismo é reaccionario, díxeno sempre, e mantéñoo. Co pesimismo e o diagnóstico de funerais, a que tan dados somos os galeguiños, non imos a ningures. O pesimismo paralízanos, entréganos á fatalidade e ao conformismo, impídenos actuar. O mundo segue (¡e segue vivo!), alén das voces facilonas da catástrofe e negrura.

No concello de Brión levaron os nenos a falar con Papá Noel: nenos entre tres e cinco anos, chantados diante das pantallas de Internet e as novas tecnoloxías. Tiñades que velos, con que facilidade e disposición actuaban os cativos. Non foron os únicos. O proxecto nace da iniciativa de Centro Multimedia de Galicia para familiarizar os máis novos co mundo do ciberespacio e as comunicacións globais. Hai máis de dez anos que no mesmo concello puxemos en marcha Info-Brión, en colaboración coa Universidade de Santiago e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez, e a experiencia foi e segue a ser un éxito.

Na Pontevedra da miña infancia escribiamos a carta aos Reis Magos, e iamos botala ao buzón de correos, coa esperanza de que chegase sen problemas ás oficinas de Oriente. Debían ser enormes (xigantescas) aquelas oficinas, con tanto tráfico a circular dun lado para outro. Logo, chantabámonos na beirarrúa do Gran Garaxe, na entrada da cidade, para ver pasar a cabalgata, e buscabamos nos ollos das Altísimas Maxestades algún sinal, algún aceno que indicase que a nosa carta chegara. Os nenos e as nenas de Brión e dos concellos que estes días participaron na experiencia mediática, tiñan liña directa con Laponia, a patria de Santa Claus, e falaban sen intermediarios co personaxe: «Eu quero unha moneca, eu quero un coche de carreiras, eu quero unha bicicleta: mellor sen rodiñas, unha bicicleta das grandes?».

Pedir unha bicicleta sen rodiñas quere dicir moito, abofé. Quere dicir unha bicicleta sen medos, unha bicicleta de verdade? Mírolle aos ollos aos cativos e penso nun país (nunha xeración nova) sen medo a voar, sen medo aos primeiros tropezóns e batecús, que os haberá, ¿que é a vida sen croques?, e sinto que aquí hai unha oportunidade. Unha xeración sen complexos. Oxalá.
 



Enlace a La Voz de Galicia

 

Comentarios


Escribe aquí os seus comentarios. Para facelo é necesario estar rexistrado. Se non o estás:



       
Alias:
Clave:
Título:
Comentario  
 
 
 
briondixital.org non se fai responsable das opinións dos lectores e eliminará os comentarios que considere ofensivos ou vulneren a legalidade.
 

 

[ VOLVER ]

(c)
correo privado webmail mapa web paxina de inicio engadir a favoritos concello de brion infobrion Xunta - innovacion